Friday 10 de May de 2024

A Deputación investirá preto de 160.000 euros na ampliación da Casa da Cultura de Brens, en Cee


Coas obras crearase unha nova planta en altura no edificio, que será empregada como almacén con vistas a que nun futuro albergue outros usos de carácter público.

 

A Deputación da Coruña financiará, a través do Plan Único (POS+2019), a creación dunha nova planta en altura da Casa da Cultura de Brens, no Concello de Cee. As actuacións tamén permitirán mellorar o illamento térmico do edificio.

As obras, actualmente en período de licitación na Plataforma e Contratación do Estado, suporán un investimento de 158.839 euros.

A superficie desta nova planta empregarase como almacén e estará conectada ao salón de actos, que está na primeira planta xa existente, a través dunhas escaleiras que tamén se construirán dentro desta reforma e que chegarán ata o recibidor da planta baixa do edificio.

O novo espazo ten previsto albergar usos públicos nun futuro, polo que tamén quedará previsto un lugar para a instalación dun ascensor para facelo completamente accesible a todas as persoas.

Ademais da construción desta nova planta, as reformas incluirán a mellora do illamento térmico exterior, colocación de novas fiestras na zona ampliada e instalación de ventás e porta no salón de actos actual.

As obras teñen un prazo de execución de 6 meses.